A QUINTA DO CUADRANTE

A Quinta Do Cuadrante é un novo proxecto dos creadores escénicos Melania Cruz e Tito Asorey. Tras ser cofundadores da compañía ilMaquinario Teatro e participar ambos os dous en numerosos proxectos con colectivos de todo o país, deciden no ano 2019 crear esta nova plataforma dende a que seguir experimentando, explorando, traballando e ideando espectáculos.

 

A Quinta Do Cuadrante nace como fogar teatral, como espazo de investigación, como lugar ao que retornar de outras experiencias que nos nutren.

A Quinta Do Cuadrante ten como obxectivo de idear espectáculos de diversos formatos nos que conflúan e dialoguen diferentes disciplinas artísticas. Un espazo aberto desde onde poder traballar con diferentes creadoras e creadores dun xeito que prime a horizontalidade e a confluencia.

O empapelado amarelo é o primeiro espectáculo desta nova compañía que nace en Galicia, cos pés pousados na nosa terra, consciente da nosa tradición teatral, agradecida de todas as experiencias anteriores, e coa vista posta nun futuro no que o teatro debe achegarse a un público contemporáneo con disciplina, escoita, paixón, rigor, experiencia e afán lúdico. 

A COMPAÑÍA

O EMPAPELADO AMARELO

O empapelado amarelo é un espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman.

Nel narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla.

 

Este tratamento consistía basicamente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.

Desde a súa estrea participou nos Festivais Singular, en Narón, o Festival Escenas do Cambio de Santiago de Compostela, e no Festival Galicia Escena Pro. Acadou tres nominacións aos Premios María Casares: Mellor dirección, Mellor Adaptación/ Traducción  e Mellor Iluminación. 

PEDAGOXÍA TEATRAL

Melania Cruz e Tito Asorey levan anos desenvolvendo unha intensa actividade pedagóxica no eido teatral, ofrecendo formación en interpretación, voz, técnica textual, teatro biográfico e dirección escénica, dirixidos tanto para profesionais en activo como para grupos amadores. Teñen impartido formación en centros como a ESAD de Galicia, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, así como en festivais de teatro e en diversos colectivos teatrais do país.